jueves, 27 de agosto de 2015


Os doce traballos de Capitán Gosende



Este enredo está pensado para persoas dotadas de espírito aventureiro, capacidade de superación e ansia de coñecemento. Inspirados nos doce traballos de Hércules, heroe da mitoloxía clásica, ou nas doce probas de Astérix, heroe do cómic contemporáneo, os de Capitán Gosende formulámoslles unha ducia de encomendas que se realizarán empregando a xeografía de Cerdedo e do monte do Seixo como taboleiro de xogo.

A única pretensión é que, en calquera estación do ano, os nosos visitantes gocen dunha estadía enriquecedora en contacto coa natureza.

Queremos compartir con vostedes a nosa angueira, a nosa paisaxe e o noso tesouro patrimonial, sabendo que, cando o descubran, hanse converter en activos defensores da súa singularidade. Boa falta nos fai. Non somos unha axencia de turismo, porén, animámolos, xa de paso, a facer gasto nos establecementos hostaleiros da zona. En resumo, Capitán Gosende, en ausencia doutras iniciativas, postula Cerdedo como alternativa de ocio.

Recomendámoslles aos intrépidos que non emprendan esta apaixonante experiencia sometidos á ditadura do cronómetro. O concurso semella unha xincana, mais, non é unha contrarreloxo. Tómeno, xa que logo, con calma.

O reto consiste en atopar doce fitos patrimoniais e fotografarse ao seu carón para verificar a exitosa descuberta. Daquela, se a aventura se vive en solitario, non lles viría mal proverse dun “pau selfie” ou calquera dos sucedáneos artesanais. Se a aventura se desenvolve en grupo, algún dos participantes (ou o grupo) debe figurar en cada unha das doce fotos.

Superados os doce encargos, contacten co colectivo Capitán Gosende a través do seu perfil público en Facebook. Feita a comprobación, amais de recibir os nosos parabéns, farémoslles entrega do correspondente diploma acreditativo, “O salvoconduto do capitán Gosende”, carta probatoria do ousado periplo, credencial do venturoso camiñante por Cerdedo.

O salvoconduto do capitán Gosende
obra de Nan Vaz e Ana Santiso
  
Completar con éxito os doce traballos non se premia con bens materiais, xa que, como di un vello proverbio chinés, a viaxe (a sabedoría) é a verdadeira recompensa.

Co aquel de facilitarlles un chisco a tarefa, anotámoslles as coordenadas aproximadas (visor SixPac) dalgunha das estacións máis arrecunchadas. O emprego de mapas ou do GPS é opcional, pois, preguntando chégase lonxe. Organicen as expedicións baixo a súa responsabilidade e con total liberdade.
 
No monte do Seixo, os participantes deben localizar e fotografarse xunta os seguintes obxectivos: O Outeiro do Coto, Portalén, A Cadeira do Rei e A Pedra do Talle.

O Outeiro do Coto Situado a 1.014 m de altitude, é o cume do monte do Seixo e unha das cotas máis elevadas da provincia de Pontevedra. A cimeira sitúase a uns 30 km en liña recta do litoral, polo que, con día claro, ollar o horizonte marítimo acada a condición de privilexio. Se a atmosfera o permitir, cara ao noroeste, a uns 45 km rectos, pódense albiscar as torres da catedral de Santiago. Encadren na fotografía, por exemplo, a antiga caseta da Forestal. No penedo que lle serve de alicerce, a rente do miradoiro, labrouse un petróglifo (4.000 anos de antigüidade), composto por un arco de tres coviñas disimilares.
Caseta do Outeiro do Coto
Portalén, rechamante peneda nas coordenadas: X: 550. 702; Y: 4.702.497 é, consonte a tradición, a soleira do Outro Mundo (Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas, 2008). Durante o mes de Santos, o magosto celta, o van de Portalén “actívase” e serve de pasadeiro ao Máis Alá (accédese na dirección nordés-sudoeste). Segundo a lenda, nada do visto ou do oído no alenmundo debe ser revelado, a risco de perder a voz.
Portalén
Marco do Vento, a 90 m cara o sudoeste, verán a pedrafita do, un monumento megalítico de 6 m de altura.

Marco do Vento
    
Cadeira do Rei, O sentadoiro pétreo áchase no Coto da Santa Mariña (994 m, vértice xeodésico), nas inmediacións doutra antiga caseta da Forestal. O trono (coordenadas:.- X: 549.964; Y: 4.701.389) é un miradoiro avantaxado das tres rías: Arousa, Pontevedra e Vigo. Coróense reis por un día. Na fondeira, cara ao norte (a uns 650 m de distancia), dexérgase a ermida da Santa Mariña.
 
Cadeira do Rei
 
A Pedra do Talle (coordenadas.- X: 550.552; Y: 4.704.417) é un saínte rochoso que se acha na lomba de poñente do Castro Grande (919 m). Conforme a lenda, a Moura de loiros cabelos que habita a cova do Castro emprega a Pedra do Talle para tomarlles a medida aos seus pretendentes. O bico da pedra afástase do chan 1’85 m. Fotografarse baixo o beirado é inescusábel.

Pedra do Talle
Castro Grande,
Cos catro albos do Seixo no fardel, afronten a quenda de traballos sinalados para o concello de Cerdedo. O municipio divídese en oito parroquias. Prescríbese un fito por cada parroquia.
Ponte de Arén na parroquia de Cerdedo. Construída durante a República polo músico e canteiro Xosé Benito García, pon en comunicación as aldeas de Arén e Cernados. Nunha das pedras do peitoril lese: “La Corporación - 1934”. No lugar de Arén, paga a pena visitar a capela do San Miguel (século XVII), edificada sobre un castro.
Na parroquia de Pedre, fotografaranse a carón dun dos cruceiros que coroan o cotarelo do San Lourenzo (O Serrapio). A capela, baixo o padroado do mártir romano, data do século XVIII. Á beira da desembocadura do río de Quireza no Lérez, érguese o Coto das Insuas, lombo no que se descubriu a pedra antropomorfa denominada O Xacente. Río abaixo, a escasa distancia, érguese a ponte medieval da Pontapedre. Congostra arriba, na aldea de Pedre, poden admirar o conxunto de hórreos da Eira Grande e a igrexa parroquial do Santo Estevo (séc. XVII).
San Lourenzo (O Serrapio)

Xacente do Coto das Insuas
Ponte medieval da Pontapedre
Na parroquia de Figueiroa, acadarán o cimo do Outeiro do Mestre (coordenadas.- X: 547.989; Y: 4.710.531; alt. 605 m). Na parte superior do penedo, amais da panorámica, poden contemplar un fotoxénico gravado rupestre (4.000 anos de antigüidade). O petróglifo componse dun conxunto de círculos concéntricos. Os elementos meirandes aparecen fusionados (tipo “castañola”). Por mor da matogueira, esta excursión reviste certa dificultade.
Petróglifo
do Outeiro do Mestre
Castrodiz dende o Outeiro do Mestre, a 600 m cara ao noroeste, áchase o coto de Castrodiz (631 m), sito na parroquia de Castro. Pasado o foxo castrexo que o arrodea, perto da cima, débese identificar unha rocha que, pola súa morfoloxía, recibe o nome de A Cabeza do Mouro (coordenadas.- X: 547.628; Y: 4.711.027). Disque, a pedra figurativa é a entrada secreta ás minas de ouro da mourindade. Por mor da matogueira, esta excursión tampouco a podemos cualificar de doada.

A Cabeza do Mouro
Na parroquia de Folgoso, visitarase o camposanto da Santa María (igrexa do século XVII). Retrataranse na compaña dun esqueleto, alegoría da morte, que adobía un suntuoso panteón do escoupro do canteiro Manuel Barros. A unha carreira de can, á beira da estrada que vai cara a Parada, sitúase a ermida do Pego mais o cruceiro anexo, esculpido polo canteiro Ignacio Cerviño. 
 


Na parroquia de Parada o labor asignado para a é a localización da ponte medieval sobre o Lérez, rota de arrieiros e camiño de peregrinación a Compostela. Nas inmediacións, atópanse o castro da Mouteira e o castro das Cercas. De camiño, acharán a igrexa parroquial (San Pedro) do século XVIII.


Ponte Parada
  
Quireza no cemiterio da parroquial de Quireza, pousarán unha flor na sepultura do defunto anónimo. Na lápida riscouse o signo da interrogación ( ? ). O templo (San Tomé) data do século XVI. Integrando un viacrucis, cómpre salientar o chamado cruceiro das Procesións (fuste helicoidal), da autoría do canteiro Xosé Ferreiro.

Cemiterio de Quireza, Via Crucis

Cruceiro das Procesións

Parroquia de Tomonde finalmente, se aínda gardan folgos, ascenderán ao monte da parroquia de Tomonde na procura dos Santos da Porteliña (coordenadas.- X: 549.943; Y: 4.714.263). Ambas as dúas figuras de cachote (o macho e a femia) empregáronse no antigo para esconxurar o trebón. Coa súa construción ou derruba, conseguíase mudar a meteoroloxía en beneficio das colleitas. Cara a poñente, albíscase o templo parroquial (Santa Mariña) que data do medievo (séc. XII).

Santos da Porteliña


 
Velaquí os doce traballos de Capitán Gosende. Ben seguro, xa están desexando botarse ao camiño. 

Ánimo e benvidos a Cerdedo!!










1 comentario:

  1. Hola. Me gustaría saber si alguien tiene el contacto de este film.
    Gracias.
    https://aldeiavelhafilme.wordpress.com/2016/01/14/futuro/

    ResponderEliminar