Os doce traballos de Capitán Gosende
Este enredo
está pensado para persoas dotadas de espírito aventureiro,
capacidade de superación e ansia de coñecemento. Inspirados nos
doce traballos de Hércules, heroe da mitoloxía clásica, ou nas
doce probas de Astérix, heroe do cómic contemporáneo, os de
Capitán Gosende formulámoslles unha ducia de encomendas que se
realizarán empregando a xeografía de Cerdedo e do monte do Seixo
como taboleiro de xogo.
A única
pretensión é que, en calquera estación do ano, os nosos visitantes
gocen dunha estadía enriquecedora en contacto coa natureza.
Queremos
compartir con vostedes a nosa angueira, a nosa paisaxe e o noso
tesouro patrimonial, sabendo que, cando o descubran, hanse converter
en activos defensores da súa singularidade. Boa falta nos fai. Non
somos unha axencia de turismo, porén, animámolos, xa de paso, a
facer gasto nos establecementos hostaleiros da zona. En resumo,
Capitán Gosende, en ausencia doutras iniciativas, postula Cerdedo
como alternativa de ocio.
Recomendámoslles
aos intrépidos que non emprendan esta apaixonante experiencia
sometidos á ditadura do cronómetro. O concurso semella unha
xincana, mais, non é unha contrarreloxo. Tómeno, xa que logo, con
calma.
O reto
consiste en atopar doce fitos patrimoniais e fotografarse ao seu
carón para verificar a exitosa descuberta. Daquela, se a aventura se
vive en solitario, non lles viría mal proverse dun “pau selfie”
ou calquera dos sucedáneos artesanais. Se a aventura se desenvolve
en grupo, algún dos participantes (ou o grupo) debe figurar en cada
unha das doce fotos.
Superados os
doce encargos, contacten co colectivo Capitán Gosende a través do
seu perfil público en Facebook. Feita a comprobación, amais de
recibir os nosos parabéns, farémoslles entrega do correspondente
diploma acreditativo, “O salvoconduto do capitán Gosende”, carta
probatoria do ousado periplo, credencial do venturoso camiñante por
Cerdedo.
O salvoconduto do capitán Gosende |