Os doce traballos

Este enredo
está pensado para persoas dotadas de espírito aventureiro,
capacidade de superación e ansia de coñecemento. Inspirados nos
doce traballos de Hércules, heroe da mitoloxía clásica, ou nas
doce probas de Astérix, heroe do cómic contemporáneo, os de
Capitán Gosende formulámoslles unha ducia de encomendas que se
realizarán empregando a xeografía de Cerdedo e do monte do Seixo
como taboleiro de xogo.
A única
pretensión é que, en calquera estación do ano, os nosos visitantes
gocen dunha estadía enriquecedora en contacto coa natureza.
Queremos
compartir con vostedes a nosa angueira, a nosa paisaxe e o noso
tesouro patrimonial, sabendo que, cando o descubran, hanse converter
en activos defensores da súa singularidade. Boa falta nos fai. Non
somos unha axencia de turismo, porén, animámolos, xa de paso, a
facer gasto nos establecementos hostaleiros da zona. En resumo,
Capitán Gosende, en ausencia doutras iniciativas, postula Cerdedo
como alternativa de ocio.
Recomendámoslles
aos intrépidos que non emprendan esta apaixonante experiencia
sometidos á ditadura do cronómetro. O concurso semella unha
xincana, mais, non é unha contrarreloxo. Tómeno, xa que logo, con
calma.
O reto
consiste en atopar doce fitos patrimoniais e fotografarse ao seu
carón para verificar a exitosa descuberta. Daquela, se a aventura se
vive en solitario, non lles viría mal proverse dun “pau selfie”
ou calquera dos sucedáneos artesanais. Se a aventura se desenvolve
en grupo, algún dos participantes (ou o grupo) debe figurar en cada
unha das doce fotos.
Superados os
doce encargos, contacten co colectivo Capitán Gosende a través do
seu perfil público en Facebook. Feita a comprobación, amais de
recibir os nosos parabéns, farémoslles entrega do correspondente
diploma acreditativo, “O salvoconduto do capitán Gosende”, carta
probatoria do ousado periplo, credencial do venturoso camiñante por
Cerdedo.
![]() |
O salvoconduto do capitán Gosende obra de Nan Vaz e Ana Santiso |
Completar
con éxito os doce traballos non se premia con bens materiais, xa
que, como di un vello proverbio chinés, a viaxe (a sabedoría) é a
verdadeira recompensa.
Co aquel de
facilitarlles un chisco a tarefa, anotámoslles as coordenadas
aproximadas (visor SixPac) dalgunha das estacións máis
arrecunchadas. O emprego de mapas ou do GPS é opcional, pois,
preguntando chégase lonxe. Organicen as expedicións baixo a súa
responsabilidade e con total liberdade.
No monte do
Seixo, os participantes deben localizar e fotografarse xunta os
seguintes obxectivos: O Outeiro do Coto, Portalén, A Cadeira do Rei
e A Pedra do Talle.
O Outeiro
do Coto Situado a 1.014 m de altitude, é o cume do monte do
Seixo e unha das cotas máis elevadas da provincia de Pontevedra. A
cimeira sitúase a uns 30 km en liña recta do litoral, polo que, con
día claro, ollar o horizonte marítimo acada a condición de
privilexio. Se a atmosfera o permitir, cara ao noroeste, a uns 45 km
rectos, pódense albiscar as torres da catedral de Santiago. Encadren
na fotografía, por exemplo, a antiga caseta da Forestal. No penedo
que lle serve de alicerce, a rente do miradoiro, labrouse un
petróglifo (4.000 anos de antigüidade), composto por un arco de
tres coviñas disimilares.
![]() |
Caseta do Outeiro do Coto |
Portalén,
rechamante peneda nas coordenadas: X: 550. 702; Y: 4.702.497
é, consonte a tradición, a soleira do Outro Mundo (Monte do Seixo.
O santuario perdido dos celtas, 2008). Durante o mes de Santos, o
magosto celta, o van de Portalén “actívase” e serve de
pasadeiro ao Máis Alá (accédese na dirección nordés-sudoeste).
Segundo a lenda, nada do visto ou do oído no alenmundo debe ser
revelado, a risco de perder a voz.
![]() |
Portalén |
Marco do
Vento, a 90 m cara o sudoeste, verán a pedrafita do, un
monumento megalítico de 6 m de altura.
![]() |
Marco do Vento |
Cadeira
do Rei, O sentadoiro pétreo áchase no Coto da Santa Mariña
(994 m, vértice xeodésico), nas inmediacións doutra antiga caseta
da Forestal. O trono (coordenadas:.- X: 549.964; Y: 4.701.389) é un
miradoiro avantaxado das tres rías: Arousa, Pontevedra e Vigo.
Coróense reis por un día. Na fondeira, cara ao norte (a uns 650 m
de distancia), dexérgase a ermida da Santa Mariña.
![]() |
Cadeira do Rei |
A Pedra
do Talle (coordenadas.- X: 550.552; Y: 4.704.417) é un saínte
rochoso que se acha na lomba de poñente do Castro Grande (919 m).
Conforme a lenda, a Moura de loiros cabelos que habita a cova do
Castro emprega a Pedra do Talle para tomarlles a medida aos seus
pretendentes. O bico da pedra afástase do chan 1’85 m.
Fotografarse baixo o beirado é inescusábel.
![]() |
Pedra do Talle |
![]() |
Castro Grande, |
Cos catro
albos do Seixo no fardel, afronten a quenda de traballos sinalados
para o concello de Cerdedo. O municipio divídese en oito parroquias.
Prescríbese un fito por cada parroquia.
Ponte de
Arén na parroquia de Cerdedo. Construída durante a República
polo músico e canteiro Xosé Benito García, pon en comunicación as
aldeas de Arén e Cernados. Nunha das pedras do peitoril lese: “La
Corporación - 1934”. No lugar de Arén, paga a pena visitar a
capela do San Miguel (século XVII), edificada sobre un castro.
Na
parroquia de Pedre, fotografaranse a carón dun dos cruceiros que
coroan o cotarelo do San Lourenzo (O Serrapio). A capela, baixo o
padroado do mártir romano, data do século XVIII. Á beira da
desembocadura do río de Quireza no Lérez, érguese o Coto das
Insuas, lombo no que se descubriu a pedra antropomorfa denominada O
Xacente. Río abaixo, a escasa distancia, érguese a ponte medieval
da Pontapedre. Congostra arriba, na aldea de Pedre, poden admirar o
conxunto de hórreos da Eira Grande e a igrexa parroquial do Santo
Estevo (séc. XVII).
![]() |
San Lourenzo (O Serrapio) |
![]() |
Xacente do Coto das Insuas |
![]() |
Ponte medieval da Pontapedre |
Na
parroquia de Figueiroa, acadarán o cimo do Outeiro do Mestre
(coordenadas.- X: 547.989; Y: 4.710.531; alt. 605 m). Na parte
superior do penedo, amais da panorámica, poden contemplar un
fotoxénico gravado rupestre (4.000 anos de antigüidade). O
petróglifo componse dun conxunto de círculos concéntricos. Os
elementos meirandes aparecen fusionados (tipo “castañola”). Por
mor da matogueira, esta excursión reviste certa dificultade.
![]() |
Petróglifo do Outeiro do Mestre |
Castrodiz
dende o Outeiro do Mestre, a 600 m cara ao noroeste, áchase o coto
de Castrodiz (631 m), sito na parroquia de Castro. Pasado o foxo
castrexo que o arrodea, perto da cima, débese identificar unha rocha
que, pola súa morfoloxía, recibe o nome de A Cabeza do Mouro
(coordenadas.- X: 547.628; Y: 4.711.027). Disque, a pedra figurativa
é a entrada secreta ás minas de ouro da mourindade. Por mor da
matogueira, esta excursión tampouco a podemos cualificar de doada.
![]() |
A Cabeza do Mouro |
Na
parroquia de Folgoso, visitarase o camposanto da Santa María
(igrexa do século XVII). Retrataranse na compaña dun esqueleto,
alegoría da morte, que adobía un suntuoso panteón do escoupro do
canteiro Manuel Barros. A unha carreira de can, á beira da estrada
que vai cara a Parada, sitúase a ermida do Pego mais o cruceiro
anexo, esculpido polo canteiro Ignacio Cerviño.
Na
parroquia de Parada o labor asignado para a é a localización da
ponte medieval sobre o Lérez, rota de arrieiros e camiño de
peregrinación a Compostela. Nas inmediacións, atópanse o castro da
Mouteira e o castro das Cercas. De camiño, acharán a igrexa
parroquial (San Pedro) do século XVIII.
![]() |
Ponte Parada |
Quireza
no cemiterio da parroquial de Quireza, pousarán unha flor na
sepultura do defunto anónimo. Na lápida riscouse o signo da
interrogación ( ? ). O templo (San Tomé) data do século XVI.
Integrando un viacrucis, cómpre salientar o chamado cruceiro das
Procesións (fuste helicoidal), da autoría do canteiro Xosé
Ferreiro.
![]() |
Cemiterio de Quireza, Via Crucis |
![]() |
Cruceiro das Procesións |
Parroquia
de Tomonde finalmente, se aínda gardan folgos, ascenderán ao
monte da parroquia de Tomonde na procura dos Santos da Porteliña
(coordenadas.- X: 549.943; Y: 4.714.263). Ambas as dúas figuras de
cachote (o macho e a femia) empregáronse no antigo para esconxurar o
trebón. Coa súa construción ou derruba, conseguíase mudar a
meteoroloxía en beneficio das colleitas. Cara a poñente, albíscase
o templo parroquial (Santa Mariña) que data do medievo (séc. XII).
![]() |
Santos da Porteliña |
Velaquí os
doce traballos de Capitán Gosende. Ben seguro, xa están desexando
botarse ao camiño.
Ánimo e benvidos a Cerdedo!!
Ánimo e benvidos a Cerdedo!!
Hola. Me gustaría saber si alguien tiene el contacto de este film.
ResponderEliminarGracias.
https://aldeiavelhafilme.wordpress.com/2016/01/14/futuro/